TRABOUTE – Flúe, 2016 (Gallego)

Enlaces: Facebook

traboute16Din que nunca débese xulgar un libro pola portada. Ocorre exactamente o mesmo cos discos. No caso de TRABOUTE ámbalas dúas son unha sorpresa. Non acostumo parar e analizar as tapas, pero esta vez foi estrictamente necesario. Os debuxos, a tipografía, o nome do disco … atractivo. Dentro do digipack é aínda mellor; un pequeno texto, unha presentación limpa e pura. Simplemente sublime.

Unha das cousas máis importantes a notar é o feito de que o disco foi gravado e producido pola propia banda en Estudos Oueiroas, A Coruña. En 2008 a banda lanzou Zuna, un disco que tivo unha aceptación moi boa xa de aquelas. Despois dunha disolución en 2011, retornaron da man de Ramón Sánchez, guitarra e fundador da TRABOUTE. Finalmente, en 2014, tivo lugar a gravación do segundo disco cantado íntegramente en galego.

Poderiamos describir o estilo de TRABOUTE como death metal, pero non é preciso encasillares o grupo nese estilo, xa que contén diferentes toques de hardcore melódico e unha forte influencia sobre o thrash metal. Este conxunto de estilos crea unha evolución e desenvolvemento interesantes.

En xeral, é un álbum no que predominan ritmos pesados e rápidos, pero cunha medida e calculada agresividade e case no momento exacto.

Pasando por varios estados, é menester o feito de dividir o disco en tres partes:

A primeira claramente serían os primeiros catro temas: “… E eu son ou Rei!”, “A gata”, “Disque” e “Bestas sen ferrar”, que pertencía a un proxecto anterior ao grupo chamado BROKENFLOW, cuxa data de nacemento é no 2005.

A segunda parte serían os catro temas seguintes: “Unha historia de abismos e de homes”, “4centos80”, “O non arrepentido” e “Pouca” feito en 2009.

A terceira parte está constituída por outros últimos catro temas: “Aela”, “Ondas e Rochas”, “O feitizo da carne” e “Agra de cemento”, que tivo lugar en 2011 e incluiríase no próximo disco para TRABOUTE pero debido á súa disolución non foi gravado.

Comeza con “…E eu son Rei!”, un metal melódico con tonos escuros. Os riffs da guitarra, se cadra, son o máis destacable da canción por como xoga como un fío durante toda a canción do principio ao final. Non se pode dicir o mesmo en relación a “A gata”, xa que cambia a un estilo máis death e gutural que o último. En canto ao “Disque”, quizáis sexa un dos temas que máis destaca no disco polo feito de seres o máis diferente se o comparamos co resto. É moito máis agresivo cunha contundencia na batería e guitarras e poderiamos dicir que acadan o metal extremo con pequenos trazos de thrash que axudan a orientar o tema. Aínda así, a banda regresa ao medio tempo con “Bestas sen ferrar” e que fai que a nivel composicional sexa algo decadente, pero iso non significa que non gañara noutros aspectos como a orixinalidade.

Un riff e un solo de guitarra da á luz a “Unha historia de abismos e de homes”, cun aspecto progresivo e cativante fai que colla suficiente forza grazas á guitarra. Aínda así, “4centos80” ten unha intención semellante ó tema anterior, pero non cadra do mesmo xeito. A lategazos rítmicos e instrumentais comezan con “O non arrepentido”, que trata sobre un son máis clásico, mentres con “Pouca” deciden innovar a un estilo máis tranquilo e calmado.

Esta última parte é unha boa mestura de sons en, relativamente, pouco tempo.

Con visión de calidade e moi gutural chega “Aela”, que se achega máis ó relacionado co estilo death metal. “O feitizo da carne” sumérxenos nun estilo semellante a CANNIBAL CORPSE que soa moi forte, fluído e extremo. Poderiamos dicir que o mesmo se aplica á súa última edición, “Agra de cemento”.

En suma, un álbum que mergulla nunha mestura de estilos e nótase a súa forte frescura despois de pasar por varios períodos e cambios que, sen dúbida, mellorou o grupo e continuará a crecer.

firmalucia

Comparte:

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

COMENTARIOS